A Deputación da Coruña radiografía os servizos públicos do Barbanza a través da EIEL

    BOIROa A Deputación da Coruña presentou en Boiro a sétima actualización da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais. Trátase dunha ferramenta moi útil para priorizar investimentos e detectar as principais necesidades dos concellos en servizos básicos. Dende a súa posta en marcha, a finais da década dos oitenta, a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais foi obxecto de diversas actualizacións. A última, desenvolvida en colaboración coa Universidade da Coruña, foi presentada no Barbanza polo presidente da Deputación da Coruña, administración promotora desta inxente base de datos. Estradas, instalacións deportivas e culturais ou a rede de alumeado. Tódalas dotacións públicas dos concellos do Barbanza aparecen recollidas nesta enquisa. Como un inventario de servizos locais permite planificar con máis tino as obras a desenvolver nos concellos. Ó acto de presentación, desenvolvido esta mañá no concello de Boiro, asistiron alcaldes, concelleiros e diverso persoal técnico de toda a comarca. Era unha cita obrigada xa que, tal e como apuntou o alcalde anfitrión, é a mellor ferramenta para coñecer a realidade local. Ademais da súa utilidade para a administración, no que respecta fundamentalmente ó planeamento urbanístico, a Deputación pon toda esta información ó servizo da cidadanía a través de servizos web. Esta sétima actualización da enquisa está aínda en proceso. Durante o verán darase por finalizado o inventario que recollerá catro millóns e medio de datos.