BOIRO> Ó final cumpríronse os peores dos pronósticos e materialízase o descenso do Club, ó non satisfacer a directiva o pago da débeda cos xogadores. Pouco despois das doce do mediodía, hora fixada para o remate do prazo, a Asociación de Futbolistas Españoles, a AFE, comunicaba oficialmente que o CD Boiro non fixera efectivo o pago das débedas contraídas cos seus xogadores, uns 94 mil euros, polo que se procedía ó descenso automático de categoría. Pouco tempo despois a propia páxina oficial do club e nas propias redes sociais confirmábase a peor das novas. O Boiro non xogará o ano que vén na 2ªB a pesar de que lograra a permanencia na categoría. A nova caeu coma unha bomba en Boiro, xa que ninguén se imaxinaba o descenso do Club. Despois dun ano na categoría de bronce, os boirenses xogarán con toda probabilidade na Terceira.
Inicio Barbanza - Muros - Noia