Primeiro achegamento entre Concello e Confraría para poder celebrar a Festa da Ameixa

    Principio de achegamento entre o concelle de Vilagarcía e a Confraría de Carril sobre a polémica data de celebración da festa da Ameixa. Trala reunión mantida esta mañá en Ravella todo indica que se manterá a data fixada polo patrón, 19 e 20 de agosto. Aínda así, tras falar cos protagonistas trala reunión, quedaron en evidencia as discrepancias que aínda existen nalgúns puntos do acordo. Finalmente parece que a Confraría de Carril conseguirá o seu propósito de celebrar a Festa da Ameixa a fin de semana do 19 ó 20 de agosto. Tras semanas de polémica e diverxencias entre o concello vilagarciá e o patrón maior carrilexo, arredor da idoneidade da data, ó coincidir co Combate Naval e o Festival das Revenidas de Vilaxoán, esta mañá houbo un achegamento de posicións durante unha reunión mantida en Ravella, entre o patrón maior, José Luis Villanueva , a voceira do goberno local, Tania García, e o concelleiro de Seguridade, Juan Antonio Pérez Callón. O patrón maior de Carril saíu considerablemente satisfeito da reunión, que durou unha hora e media, aceptando facerse cargo do Plan de Autoprotección, que lle propuxo o alcalde a pasada semana. Pola súa banda a voceira do goberno local continúa afirmando que pese a ceder na data, buscando novas fórmulas que garantan a seguridade do evento, continúan considerando que non é unha boa idea que os eventos festivos máis importantes do concello teñan lugar na mesma fin de semana. Aínda así, están Entre eses “flecos” está o feito de que Villanueva acepta a proposta do concello de encargar o deseño do plan, o cal calcula o patrón que non custará máis de 2.000 euros, pero sen embargo, considera que será o concello o que se debe facer cargo dos servizos a maiores que se terán que contratar se o plan que se encargue así o especifica a execución do plan. Pero a voceira do goberno local considera que son os organizadores da festa os que se deben facer cargo . Outro dos puntos nos que aínda hai discrepancia, dentro deste primeiro entendemento entre Ravella e Confraría, é a intención da organización da festa de celebrar unha verbena nocturna con orquestra na praia, algo que o concello non ve con bos ollos. Nestes momentos segundo asegurou o patrón, están á espera aínda da autorización de Portos. Villanueva cre que de chegar a un acordo co concello, non haberá problema ningún para conseguir ese permiso. Desde o concello engaden tamén que de cara ó ano que vén, para evitar que a situación se repita, insisten en que hai que tentar evitar desde xa a coincidencia nas mesmas datas das celebracións más relevantes do municipio.