Vilanova aposta polo autocine nos tempos do coronavirus

VILANOVA> O primeiro autocine da comarca do Salnés será en Vilanova de Arousa. O concello adapta as súas propostas de ocio á situación actual. A actividade será o vindeiro 3 de xullo no aparcadoiro das Sinas ás 10 da noite e completamente de balde. A película escollida para esta estrea será Yesterday.

Vilanova aposta polo cine para as súas noites de verán e por unha fórmula que está a coller novo pulo pola crise sanitaria do coronavirus: o autocine. As características desta actividade fan que sexa unha proposta perfecta para gozar dunha película sen riscos.

A primeira sesión será o vindeiro 3 de xullo ás 10 da noite no aparcadoiro das Sinas e totalmente gratuíta. Alí despregarase unha pantalla de 150 metros cadrados para a proxección da película Yesterday. Para que o son sexa perfecto, reproducirase en cada vehículo.

Dende a empresa organizadora explican que esta actividade ten cada vez máis demanda, pero o vilanovés será o primeiro autocine da comarca do Salnés. Ademais, o concello non desbota ampliar a programación.

Os organizadores recomendan chegar unha hora antes da proxección para ubicar os vehículos. Ademais, o goberno local fai un chamamento para atopar algunha empresa que sirva comida e bebidas durante a proxección. Iso si, sen que as persoas abandonen os seus vehículos para eliminar calquera risco de contaxios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí