VILAGARCÍA> A organización da Festa da Ameixa de Carril cifra en 2.500 euros os estragos ocasionados polos tráilers da orquestra París de Noia no paseo da praia da Compostela. O patrón maior compareceu esta tarde para facer balance e lamentar a actitude do concello de Vilagarcía, principalmente do alcalde. Catro días despois da fallida verbena da Festa da Ameixa de Carril, o patrón maior da confraría saíu a dar explicacións. Segundo José Luis Villanueva, os estragos ocasionados polos tráilers da orquestra París de Noia no paseo da Praia de Compostela poderán arranxarse por 2.500 euros. Villanueva agradeceu as explicacións da orquestra, que aseguraba que por imprevistos de última hora fora imposible cumprir as instrucións da organización. Tamén a súa disposición a colaborar nos gastos, aínda que ante Costas responderá a Comisión da Festa da Ameixa. Diferente é a valoración da postura do concello de Vilagarcía. O Patrón Maior non ocultou o seu descontento coas palabras do alcalde no pregón nin nas declaracións do pasado luns, valorando os estragos no paseo. Segundo explicou esta tarde, a intención da Comisión é trasladar canto antes ao concello a súa vontade de celebrar a Festa da Ameixa do 2018 nestas mesmas datas: a terceira fin de semana de agosto. Sobre a posibilidade de organizar unha nova actuación da orquestra París de Noia na Compostela, Villanueva asegurou que terán que falar con Costas e valorar as datas dispoñibles, e volveu destacar o escenario inmellorable que é o areal para a promoción de Carril.
Inicio Salnés - Caldas