Educación inviste medio millón de euros na rehabilitación do CEIP de Outes

OUTES> O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitaba o colexio Plurilingüe de Outes para comprobar o resultado das obras Levadas a cabo nas instalacións. O centro foi incluído, xunto a un total de dezanove colexios máis en toda Galicia,  no Plan de Mellora da Eficiencia Enerxética, no que a Xunta investiu o pasado ano oito millóns e medio de euros. Obras como o aillamento das fachadas e cubertas, a substitución das fiestras e tamén das luminarias, co fin de acadar un maior aforro enerxético, cun menor custo derivado do consumo de luz e calefacción, foron algunhas das actuacións levadas a cabo no CEIP Plurilingüe de Outes durante o pasado ano. As obras supuxeron un investimento total de algo mais de medio millón de euros. Segundo explicou o consellerio de Educación durante a visita realizada ó centro, a actuación estaba incluída no Plan de Mellora da Eficiencia Enerxética impulsado dende a Xunta, do que se beneficiaron o pasado ano un total de vinte colexios, cun investimento de oito millóns e medio de euros. Durante a visita o Conselleiro, estivo acompañado da dirección do centro educativo e da propia alcaldesa, Beatriz Molinos, quen destacou tamén a importancia da actuación realizada de cara a conseguir mellorar a confortabilidade dos máis pequenos. Román Rodríguez informou tamén de que esta mesma semana pecharase a licitación deste tipo de obras en nove colexios máis previstas para este ano por importe de 4’8 millóns de euros.