O Piñeiriño terá comedor e o Castro Alobre un pavillón reformado antes de que remate o ano

    VILAGARCÍA>Boas novas para dous dos centros educativos de Vilagarcía. O Piñeiriño contará cun comedor escolar antes de que remate este curso, e o Castro Alobre verá reformado o seu pavillón deportivo antes de que remate o ano. Son os dous compromisos que adquiriu esta mañá o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante unha visita ó instituto Castro Alobre. Representantes das Comunidades Educativas do Colexio O Piñeiriño, e do Instituto Castro Alobre, de Vilagarcía, acompañaron esta mañá ó Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante a súa visita ó segundo dos centros educativos. Ó encontro tamén asistiron o Delegado Territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, o Delegado de Educación César Pérez, e o alcalde vilagarciá, Alberto Varela. A situación non era para menos, xa que tal e como destacou o rexedor, esta mañá, pechábanse dous relevantes compromisos da consellería cos centros educativos de Vilagarcía. Varela aproveitou tamén para pedir un maior compromiso da Xunta, xa que no caso do Comedor do Piñeiriño, é o proxecto cofinanciado entre as dúas institución. O espazo contará con 80 prazas e será xestionado pola ANPA. O conselleiro de Educación destacou precisamente que o entendemento entre administracións é esencial para acadar obxectivos. Con respecto á mellora do pavillón deportivo do instituto Castro Alobre, que visitaron durante o encontro, Rodríguez subliñou que terá un uso tamén fóra do horario escolar, o que permitirá sacar maior rendemento ós investimentos públicos, que no caso desta obra, corre a cargo da Xunta con orzamento de 150.000 euros. O conselleiro quixo destacar tamén diversas obras que o seu departamento está realizando noutros centros da comarca. Como os 60.000 euros que se están investindo en melloras no colexio de Vilaxoán, preto dun millón de euros no instituto Francisco Asorey de Cambados, e outro medio millón no Colexio de Mosteiro, en Meis.