Castro invita aos veciños afectados pola factura da auga a asesorarse no concello

    RIBADUMIA> Este martes era a voceira popular de Ribadumia a que denunciaba o cobro “desproporcionado” das facturas da auga en Sisán e Barrantes, por unha neglixencia do concello… pois ben, hoxe é o propio alcalde quen pide “prudencia” ante as declaracións de Salomé Peña, e explica o problema que está a acontecer cos recibos da auga nestas parroquias. O alcalde de Ribadumia recoñeceu, este mércores, que efectivamente existe un problema nas lecturas da auga, tal e como denunciaba onte a voceira do PP na vila, e que o concello está intentando arranxar esta situación. Castro invita a todos os veciños afectados a que acudan ao concello para poder asesoralos caso por caso e explicarlles a situación dos recibos. Unha información que segundo o alcalde xa se dou no pleno da pasada semana, polo que tilda de irresponsabilidade as declaracións que onte daba a popular as portas do concello. O rexedor atribuíu a orixe do problema a un método “arcaico” de lectura dos contadores e sinalou que dende o concello xa se está a traballar para substituílo. David Castro afirmou que están a traballar nun novo Plan de Augas para o concello de Ribadumia, en colaboración coa Mancomunidade de O Salnés, e sinalou que nas vindeiras semanas haberá unha reunión con tódolos veciños afectados no Auditorio da vila para solucionar este problema.