Cambados ponse do lado da industria do mar para mudar a Lei do Cambio Climático

CAMBADOS> O concello de Cambados ponse do lado da industria do mar. Representantes do sector marítimo e o goberno cambadés consensuaron unha declaración institucional na que piden cambios no anteproxecto da Lei do Cambio Climático; unha norma que deixaría no aire a continuidade de moitas industrias. O acordo xa conta co apoio do BNG, pero levarase a pleno para buscar o apoio unánime da corporación.

A industria do mar buscará o apoio de todos os concellos costeiros galegos na súa oposición ao articulado da Lei do Cambio Climático. Hoxe presentaron a moción tipo que levarán aos diferentes plenos, consensuada co goberno de Cambados.

A polémica céntrase no artículo 18.4 da norma. O sector considera que deixa no limbo moitas das actividades que se desenvolven en terreo público marítimo-terrestre. A norma muda os criterios para a caducidade das concesións, xerando inseguridade xurídica.

O texto acordado en Cambados xa foi trasladado ao goberno do Estado. O prazo para presentar emendas remata o 15 de setembro. Ademais, o sector reclama que cando se aborde a modificación da Lei de Costas, se teña en conta o sector galego.

A declaración consensuada entre o sector e o goberno cambadés conta xa co apoio do BNG. Pola súa banda, o Partido Popular solicitou un pleno extraordinario este xoves ao que levará a súa propia moción sobre o tema. A alcaldesa confía en que goberno e oposición consigan achegar posturas na comisión informativa do mércores, e que PP e Cambados Pode rematen por sumarse ao texto presentado hoxe para que sexa aprobado por unanimidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí