Duras críticas do PP ao Goberno Local pola falta de xestión no Servizo de Axuda ao Fogar

Pontevedra> Este mércores, 18 de outubro, vence a prórroga do contrato asinado coa empresa Clece para o Servizo de Axuda no Fogar. Dende o PP denunciaron esta mañá este feito e dixeron que se trata dun exemplo máis de que o BNG non ten os deberes feitos en tempo e forma. A concelleira do PP, María José Rodríguez, estaba esta mañá moi cabreada co Goberno de Lores despois de coñecer que hoxe é o último día de traballo da empresa Clece para o servizo de axuda ao fogar. Dende as filas populares pediron nesta xornada unha solución urxente para os usuarios deste servizo e para os traballadores. Os populares denunciaron nesta xornada que o contrato para o Servizo da Axuda no Fogar foi prorrogado o pasado mes de abril a pesar de que a propia empresa xa amosara, a través dun escrito, o seu rexeitamento a seguir prestando este servizo. O PP, suxeriu como solución de emerxencia, a contratación urxente dunha nova empresa que se faga cargo transitoriamente deste servizo de axuda ao fogar.