O cuatripartito non se reunirá ata o 24 de novembro

    CAMBADOS> Xa hai data para a celebración da comisión na que o cuatripartito cambadés revisará o seu pacto de goberno. Da reunión de onte, na que non estiveron BNG nin Cambados Pode, saíu o venres 24 de novembro como o día para a cita. Unha data que para nacionalistas e José Ramón Abal é moi tarde para atallar a forte crise que están a vivir. As augas continúan revoltas no cuatripartito cambadés unha semana despois de que o edil de Cambados Pode dera o pacto por roto. Onte buscouse un primeiro achegamento, ao que non asistiron nin José Ramón Abal nin os edís do BNG. Deste encontro e tras encaixar axendas, saíu a data para a reunión da comisión de seguemento do pacto de goberno que se ve como un paso imprescindible para coser esta situación. Será o 24 de novembro. Moi tarde para Abal e Caamaño. O edil de Cambados Pode advirte que unha desculpa non será suficiente e, aínda que foxe da palabra ultimátum, insiste en que a alcaldesa ten que tomar medidas. Dende o BNG tamén recoñeceron esta mañá a existencia de problemas no reparto de áreas. Cren que é preciso reformular as partes confusas do pacto de goberno asinado no 2015, e advirten de que tamén farán públicas as súas disconformidades. Tamén hoxe se pronunciou o voceiro de Somos Cambados. Tino Cordal respaldou a xestión do seu compañeiro de goberno e de partido, Xurxo Charlín, e fixo un chamamento ao diálogo. Dende Somos cren que o cuatripartito aínda está a tempo de salvar a situación, e confían en que o mesmo goberno chegue ao 2019. Unha postura que comparte Fátima Abal. José Ramón Abal e Víctor Caamaño tamén ven posibilidades á continuidade do cuatripartito, mirando a esa comisión de seguemento do pacto de goberno como o punto de inflexión para que chegar ao 2019 sexa unha realidade.