CALDAS> E que opina ao respecto a clase política? En Caldas e sobre o proxecto da Variante Oeste todos os partidos con representación no pleno municipal van a unha. Súmanse aos veciños á hora de rexeitar un proxecto que, tal e como está presentado na actualidade, consideran lesivo para a localidade.
No que respecta ao proxecto da Variante Oeste de Caldas presentado polo Ministerio de Transportes, os partidos políticos da corporación van todos a unha.
Agora ven esta ampliación de 30 días do prazo para presentar alegacións como unha oportunidade. O alcalde participou na reunión da Delegación do Goberno coa veciñanza. Un encontro no que, asegura, lles ofreceron directrices para orientar a súa proposta.
A intención inicial é recuperar a proposta de consenso do ano 2008 que, aseguran dende o goberno local, permitiría tamén mellorar o polígono de Veigas de Almorzar.
Dende o Partido Popular falan tamén desta opción. Jesús Goldar lamenta que no seu momento quedara gardada nun caixón do Ministerio pero confía en que se free a proposta actual.
En canto ao BNG, socio de goberno do PSOE en Caldas, considera que a tramitación con carácter de urxencia foi unha manobra para apagar a voz dos veciños. Así as cousas, os nacionalistas teñen claro cal sería o proxecto máis acaído para o municipio.
Trala reunión da xunta de voceiros de onte, mañá está prevista a celebración dun pleno extraordinario para abordar a situación da Variante Oeste. Despois, a idea pasa por percorrer as parroquias para explicar o proxecto e construír unha alternativa de consenso para presentar como alegación. Dende o concello de Caldas xa adiantaron que buscarán o apoio do de Portas, tamén afectado por un dos trazados.











