A presunta rede de Miñanco tiña informadores nas forzas de seguridade

SALNÉS> Informadores nos corpos policiais e na Facenda e sistemas para encriptar as súas comunicacións. Así funcionaba a presunta rede de narcotráfico encabezada polo cambadés Sito Miñanco. No seu auto, a xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela explica que a organización desartellada no marco desta Operación Mito tiña ramificacións por toda España.

Con máis de corenta detencións e corenta e cinco rexistros en diferentes puntos de España, a Operación Mito avanza no desartellamento da presunta rede de narcotráfico encabezada por José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco.

Segundo o auto da xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela, o capo cambadés encabezaba unha organización que contaba con informadores no seo da Facenda e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Deste xeito, o grupo coñecía os movementos do helicóptero de Aduanas na zona de Arousa. A ría era unha vez máis o punto de entrada da droga chegada en embarcacións máis pequenas dende os barcos nodriza. Ademais, investiran 700 mil euros nun sistema para encriptar as comunicacións dende as planadoras empregadas para o transporte da droga que, segundo as pesquisas, preparábanse no estaleiro cambadés de O Facho.

A investigación permite conectar este grupo criminal con ata tres alixos intervidos en diferentes países, con máis de 4 toneladas de cocaína e 63 quilos de marihuana. Os primeiros localizáranse no barco Thoran preto das illas Azores e nun contedor en Holanda. O terceiro, pola súa banda, foi atopado en San Fernando de Henares, en Madrid.

A rede tamén tería previsto o lavado dos cartos. Faríao a través de facturacións de concesionarios de Alxeciras e Marbella, de créditos simulados a familiares ou de compras de vivendas.