Rematan as obras da rúa Castelao do Grove

    O GROVE > No Grove, os comerciantes agardan que a reforma da rúa Castelao anime as vendas. Durante esta semana estanse a ultimar os derradeiros retoques do proxecto, que supuxo a peonalización da vía. Os traballos proseguen agora coa reforma do segundo treito da céntrica rúa. A milla de ouro do Grove estrea nova imaxe trala fonda reforma que viviu nos últimos meses. Os espazos para o estacionamento de vehículos foron ocupados por árbores e bancos, convidando ós veciños da vila meca ó paseo. Precisamente, o Concello mantivo hoxe unha xuntanza cos veciños –para explicarlles como deberán acceder ós seus garaxes- e tamén cos comerciantes -para informalos dos novos horarios de carga e descarga e tamén dos espazos que poderán ocupa-las terrazas dos bares. De momento, entre os establecementos da rúa, satisfacción xeralizada, á espera de que a peonalización dea os resultados agardados. A reforma da popular Catorce tamén convence á maioría dos veciños. Outros, pola contra, botan en falta a antiga rúa de Castelao, como arteria circulatoria da vila. Trala primeira fase do proxecto, comezou xa a segunda, entre o cruce con Luis Casais e a subida das Bouzas. Calcúlase que as obras estarán listas antes de que remate o ano.