Os comercios da Pobra sortearán máis de 2.500 euros en vales de compra

    POBRA> O próximo luns arrancará a campaña comercial de nadal que organizan de xeito conxunto a Asociación de Empresarios, a Asociación de Vendedores do Mercado e o Concello. Un total de 66 establecementos comercias integrados na Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal e na Asociación de Vendedores do Mercado tomarán parte este ano na Campaña de Nadal, coa que se busca premiar a fidelidade dos clientes. Por cada dez euros de compra nestes negocios entregarase unha rifa que dará dereito a entrar en varios sorteos de vales de compra por valor duns 2.500 euros e dez cestas de nadal. Dende a patronal pobrense destacaron a importancia da campaña, que logra unir ós comerciantes da localidade. Para o Concello, que colabora na organización, esta campaña busca a proximidade, centrándose nas persoas, na procura da dinamización da economía local. O concello porá tamén este nadal a disposición de tódolos pais que o desexen unha ludoteca que estará aberta de xeito gratuíto tódalas tardes na praza Alcalde Segundo Durán con actividades para os nenos.