Recuperan a área de lecer de Outeiro, en Meaño

    MEAÑO > Remataron os traballos de recuperación da área de lecer de Outeiro, no concello de Meaño. Entre as melloras levadas a cabo, salienta a construción dun novo “campo da festa”, unha vella reivindicación dos veciños da zona. A área recreativa de Outeiro, na parroquia de Cobas, estrea nova imaxe. A zona foi obxecto de melloras, a través dun proxecto que buscaba humaniza-lo espazo, para dotalo dunha maior afluencia de veciños. Seica nos últimos anos o espazo foi perdendo interese, a pesar de que alí tamén se atopa a casa da cultura. Entre os traballos levados a cabo salienta a demolición da caseta da auga veciñal, a creación dunha plataforma de formigón, que acollerá a partir de agora os festexos da zona. Tamén se instalou un espazo de xogos infantís, o segundo destas características en toda a parroquia. O proxecto consumouse coa creación de zonas de xardín, sendeiros e a instalación de mobiliario. Dende a Xunta poñen en valor intervencións como esta porque –segundo indican- permiten mellora-la calidade de vida dos veciños de zonas rurais como esta. A intervención nesta área de lecer, de algo menos dunha hectárea, tivo un custo de 60.000 euros, dos que a Xunta achegou uns 40.000.