Cáritas axudará a máis dun cento de familias a pasar un bo Nadal

    NOIA> Cáritas de Noia atenderá a máis de trescentas persoas durante esta Nadal. A campaña de recadación de fondos e de recollida de alimentos destas datas supón un reforzo da actividade que desenvolven durante todo o ano. Neste 2017 levan repartidas trinta toneladas de alimentos e catro de roupa. Aínda que Cáritas parroquial de Noia traballa todo o ano para axudar ós máis desfavorecidos, durante o Nadal incrementa notablemente a súa actividade. Son moitas as actividades e campañas que se desenvolven durante estas datas co fin de recadar fondos e alimentos para que moitas familias poidan celebrar estas festas. Ademais dos alimentos recollidos nos centros educativos e nos supermercados destaca a doazón de particulares e empresas, especialmente dúas que este ano realizaron unha doazón máis que considerable. Ademais desta campaña, Cáritas organizará conxuntamente coa Cruz Vermella un festival benéfico que se celebrará o sábado día 16 no Coliseo Noela. A estas actividades sumarase o concerto benéfico promovido polo conservatorio noiés. Paralelamente, seguirase coa venda da lotería de Nadal e actividades complementarias para a recadación de fondos como o belén vivente do colexio Jaime Balmes ou o festival de zumba do colexio María Assumpta.