Presentada a primeira edición do Trail e da Andaina San Silvestre-Minas de San Finx

    LOUSAME> Os dous eventos deportivos a celebrar o 30 de decembro terán ademais un carácter solidario, xa que todo o recadado irá a parar á Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva. Lousame acollerá o próximo 30 de decembro dúas probas nas que se mestura deporte, natureza, patrimonio e solidariedade. Será na primeira edición do trail e da andaina San Silvestre Lousame-Minas de San Finx. A andaina terá lugar pola mañá, e o trail desenvolverase pola tarde. En ambos casos, o percorrido será duns 16 quilómetros, con saída no poboado das Minas de San Finx e meta no polideportivo Pilar Barreiro Senra. Dende o Concello fixeron un chamamento á participación nestas dúas probas, que servirán ademais para dar a coñecer a beleza do municipio. Ademais as dúas probas terán un carácter solidario, xa que todo o recadado polas inscricións, 5 euros pola andaina e 12 polo trail, irá destinado integramente á Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva. As inscricións tanto para a andaina como para o trail poden realizarse a través da web www.emesports.es. O prazo rematará o martes 26 de decembro. Dende a organización agradeceron a implicación dos patrocinadores destas dúas probas, xa que sen a súa colaboración sería impensable poder levalas a cabo.