O PP da Pobra solicita a celebración dun pleno extraordinario

POBRA> Os populares piden explicacións sobre dous asuntos que centraron a atención nas últimas semanas como foron a polémica retirada da placa ó escritor Anxo Rei Ballesteros ou a cesión dun inmoble municipal para uso coma vivenda social. A falla de explicacións por parte do equipo de goberno levou ó Partido Popular a presentar no rexistro do Concello unha solicitude para a celebración dun pleno extraordinario. A intención dos populares con esta medida non é outra que reprobar tanto ó alcalde, coma ós edís de Cultura e Servizos Sociais, por dúas actuacións, que pola súa repercusión, centraron a atención de xeito negativo na localidade nas últimas semanas. A primeira delas a raíz da polémica suscitada pola retirada da placa en homenaxe ó escritor Anxo Rei Ballesteros. A segunda das irregularidades segundo o PP cometidas polo grupo de goberno vai referida á cesión dun inmoble municipal para uso coma vivenda social sen que exista un regulamento ó respecto. O alcalde deberá convocar a sesión nun prazo máximo de quince días. De demorar esta convocatoria será o propio secretario municipal o encargado de convocala.