Santiago Roma presenta a primeira barrica de pedra

RIBADUMIA> Volver ás orixes é a idea base da que naceu Ánforum, un proxecto de I+D+i no mundo do viño que ten como escenario a comarca de O Salnés. Tras oito meses de traballo, na adega Santiago Roma xa está a funcionar o resultado: a primeira barrica de pedra. Hai oito meses que o estudo enxeñeiro Epetrum, adegas Santiago Roma e a asesoría enolóxica de Cayetano Otero comezaron a traballar nun novo proxecto. A idea era mesturar a cultura antiga coas teorías biodinámicas. Dúas cousas de entrada totalmente diferentes, pero que xa teñen o seu resultado: a primeira barrica de pedra. A idea de conseguir un viño elaborado de xeito máis tradicional, foi o detonante de todo este proxecto. Coa pedra, conséguese un viño máis mineral. Tampouco é un capricho a forma ovoide deste novo depósito, que permite que se xeren correntes internas, nin a escolla de granito galego para fabricala, que conta co tamaño exacto de poro. A barrica piloto que xa ten nas súas instalacións a Adega Santiago Roma ten capacidade para 450 litros, e nela descansa parte da colleita deste ano. Polo de momento, as primeiras probas están a ser satisfactorias. Nuns meses poderemos catar o resultado deste proxecto de I+D+i. Aínda non hai data para a súa saída ao mercado, pero si sabemos que o fará baixo a marca Santiago Roma e que, polo de momento, promete.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí