A ILLA> Este luns entrou en vigor a nova zona azul na praia de Area da Secada, na Illa de Arousa. O concello toma esta medida para regular o estacionamento da zona, ante os problemas circulatorios que se viñan rexistrando na zona nos últimos anos. En total habilitáronse unhas 300 prazas de estacionemento reguladas, con tarifas que van dende os 50 céntimos por unha hora ata un máximo de 4,50 euros por todo o día. Será de balde para a veciñanza que teña o vehículo rexistrado na Illa. A zona azul estará en vigor ata o 15 de setembro.
Os parquímetros xa forman parte da paisaxe da contorna da praia de Area da Secada, na Illa. Este luns entrou en vigor a zona azul nesta zona do municipio. Habilitáronse unhas 300 prazas co obxectivo de poñerlle freo ao caos circulatorio que se rexistraba neste punto todos os veráns.
Coa medida, o concello tamén busca reducir o impacto que o turismo ten no municipio, facendo que os visitantes tamén contribúan, neste caso, a través da zona azul.
O alcalde fala dunhas tarifas accesibles. Van dende os 50 céntimos por unha hora ata un máximo de 4 euros e medio por día.
Para os veciños da Illa que teñan rexistrado o seu vehículo no municipio, será sempre de balde. O estacionamento regulado será de dez da mañá a oito da tarde. De balde entre esa hora e as doce da noite. Dende a medianoite ata as 8 da mañá, nesta zona non se poderá aparcar, para evitar as pernoitas incontroladas.
Do control desta zona azul encargarase a policía local. Estas medidas vanse prolongar ata o 15 de setembro.











