RIBEIRA> Acordo unánime da corporación ribeirense en defensa dun ensino público de calidade. Os catro grupos votaron a favor da moción cidadá presentada pola ANPA de O Grupo instando á Xunta á incorporación dun titor para terceiro de primaria.
Tras unha concentración previa ás portas do concello, representantes da ANPA de O Grupo asistiron ó pleno de Ribeira no que se debatía unha moción cidadá sobre os recortes educativos sufridos polo centro. O presidente da ANPA, Unai González, foi o encargado de defendela, cualificando de inxusta e ilegal a perda dun titor para terceiro B, obrigando a que estes nenos de 7 e 8 anos, sexan atendidos por ata 8 mestres distintos sen un profesor de referencia.
As demandas da ANPA contaron co respaldo unánime da corporación que se comprometeu a buscar solucións e instar á Xunta a dotar ó colexio do persoal necesario para garantir a calidade do ensino.
Pola súa banda, dende a ANPA anunciaron que seguirán coas súas mobilizacións ata ter resposta da Xunta posto que, ata o momento, non recibiron contestación algunha ós seus escritos.











