Posta a punto para unir a Mollavao no modelo de cidade de Pontevedra

Pontevedra> A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a tramitación administrativa para iniciar a reordenación e mellora do barrio de Mollavao. Trátase de tres solicitudes ante a Xunta de Galicia, Costas dos Estado e a Deputación provincial para levar adiante este proxecto que pretende incorporar á trama urbana este barrio da cidade, todo, cos estándares do modelo de Pontevedra. A primeira destas solicitudes aprobada foi coa Consellería de Infraestruturas para solicitar a cesión de medio quilómetro da estrada PO-564. A segunda das peticións é ante Costas do Estado co fin de pedirlle a cesión de parte da parcela dos circos, concretamente de 3364.61 metros cadrados. E finalmente, tamén se aprobou a solicitude ante a Deputación provincial para a sinatura dun convenio que permita colaborar a ambas administracións locais no financiamento desta actuación. Anabel Gulías dixo esta mañá que este proxecto contará cun orzamento de 100 mil euros das actuais contas do concello. A concelleira agarda poder resolver toda a tramitación administrativa nun prazo razoable de tempo.