O corpo achado en Rianxo é o de Diana Quer

As probas de ADN así o confirman

BARBANZA> O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, confirmaba que o corpo atopado na nave de Asados corresponde co de Diana Quer. Segundo el as probas de ADN realizadas nos últimos días despexaron calquera dúbida ó respecto. Santiago Villanueva agradecía tamén o traballo realizado polos corpos e forzas de seguridade do Estado que posibilitaron o esclarecemento deste caso tan mediático. Facía estas declaracións nunha multitudinaria rolda de prensa celebrada na propia sede da Delegación do Goberno na Coruña, na que tomaron parte tamén o coronel xefe da Unidade Central Operativa, Manuel Sánchez Corbí, e o coronel xefe da Comandancia da Coruña, Francisco Javier Jambrina Rodríguez.

Eles foron durante máis de hora e media de comparecencia os encargados de dar máis detalles da investigación, cun escenario moi complexo e que supuxo moitas horas de traballo. O que si se descartou relativamente rápido é que o autor da desaparición estivera no seu entorno familiar ou no seu círculo de amizades. O pouco que tiñan os axentes era que a moza se marchara nun vehículo a raíz da análise do seu móbil.

Segundo os reponsables da Garda Civil, dende novembro de 2016, o Chicle, xa era o principal sospeitoso da desaparición da moza madrileña, asegurando que se trata dun criminal que actuou de xeito minucioso e profesional. A partir de aí o caso non avanza, e en abril deste ano o xuíz decide arquivalo. Aínda así a Garda Civil segue a traballar na investigación, pero non é ata agosto, cando se cumpre precisamente un ano da desaparición de Diana, cando se obtén un dato significativo a través da reconstrución realizada pola policía. Xa non quedaban dúbidas de que o Chicle era o responsable da desaparición de Diana. A pesar de que a intención dos responsables da investigación era agardar á obtención de probas concluíntes para proceder a súa detención, todo se precipitou a raíz do incidente de Boiro.

Unha vez detido e cando decide confesar e levar ós axentes ata Asados a onde agochara o corpo da moza no interior dun pozo atada con cordas a bloques de formigón, onde tamén apareceu o seu bolso e unha brida que presuntamente usou para atala ou mesmo estrangulala. A Garda Civil ten intención tamén de reabrir outros casos de agresións sexuais e de desaparicións na zona xa que lles parece difícil de entender que non cometera con anterioridade este tipo de delitos.