As inspeccións contra o furtivismo increméntanse na ría de Arousa nun 30%

VILAXOÁN> Intisifícase a loita contra o furtivismo. Na ría de Arousa, as inspeccións aumentaron nun 30% e no caso da de Pontevedra, nun 70. Durante o pasado mes de xullo, a Consellería do Mar realizou 1.000 inspeccións es todo o litoral galego. Incautáronse preto de 5.500 nasas. Na Xunta fan un chamamento, sobre todo ós consumidores: os produtos do mar hai que mercalos polos cauces legais.

O Servizo de Gardacostas de Galicia reforzou os controis contra o furtivismo trala veda do polbo. Aumentaron o número de inspeccións, chegando en toda a costa galega ás 1.000 ó longo do pasado mes de xullo.

Esta mañá, a Conselleira do Mar participou nunha desas inspeccións. A embarcación partiu de Vilaxoán e fixo un percorrido pola ría de Arousa, un dos puntos onde se incrementou a vixilancia.

Froito dese incremento das inspeccións, tamén aumentaron o número de decomisos. No pasado mes, os Gardacostas retiraron preto de 5.500 nasas caladas de xeito irregural no litoral galego. A meirande parte das nasas incautadas estaban destinadas á captura de polbo.

Ademais dos controis sobre o polbo, no verán tamén se pon o foco na nécora. Aumenta tamén a vixilancia contra o furtivismo de bañador, que afecta ós bancos marisqueiros de ameixas e berberechos.

A Conselleira fai un chamamento ós consumidores para poñer couto ó furtivismo. Insiste en que comprando o produto só polas vías legais, o problema quedaría resolto.

A titular de Mar lembrou tamén que nestes momentos se está a renovar de xeito parcial a frota do Servizo de Gardacostas, coa construción de cinco novas patrulleiras, e que este organismo vai ver reforzado o seu orzamento nun 5%.