Boiro duplicará a capacidade do complexo deportivo da Cachada

BOIRO> O ximnasio da Cachada de Boiro contará cunha superficie próxima ós douscentos metros. Esta mañá, o alcalde presentou o proxecto de ampliación das instalacións acompañado polo secretario xeral para o Deporte. A Xunta subvencionará unha obra cunha achega de sesenta mil euros.

O incremento do número de usuarios da piscina e o ximnasio municipal de Boiro obrigou ó concello a deseñar un proxecto de ampliación. A existencia dun espazo exterior que rodea a actual sala de exercicios permitirá ampliala chegando a unha superficie total de case douscentos metros cadrados.

Destaca ademais a singularidade do proxecto con materiais de última tecnoloxía e respectuosos co medio ambiente.

Trala sinatura do convenio entre o concello e a Xunta, a obra sairá a licitación proximamente e podería dar comezo ó longo do verán. O prazo de execución non superará as seis semanas e tentarase compatibilizar os traballos co desenvolvemento da actividade diaria nas instalacións deportivas.

Comments are closed.