CAMBADOS> A escasas horas para que as os Reis Magos entren nas nosas casas, as Súas Maxestades de Oriente deixáronse ver hoxe nas cabalgatas celebradas en tódalas vilas da zona. Ademais, en moitas desas localidades, Gaspar, Melchor e Baltasar aproveitaron para falar es persoa cos nenos. En Cambados, por exemplo, os Reis Magos organizaron unha recepción na Casa do Concello e mesmo visitaron ós maiores do asilo da localidade.
Antes da cabalgata desta tarde e a ritmo de gaitas…. os Reis magos visitaban esta mañá a Casa do Concello, onde se encargaron de recibir un a un ós nenos cambadeses. Os pequenos, como manda a tradición, aproveitaron para transmitirlles ás súas maxestades as súas peticións.
Ademais de compartir o seu tempo cos pequechos, os reis magos tamén aproveitaron o seu paso por Cambados para achegarse ata a residencia de anciáns da vila, onde saudaron persoalmente ós residentes do centro. E os maiores, encantados de recibilos. As súas maxestades repartiron no centro algún caramelo e moita ilusión, tanta que mesmo algún dos maiores conta con poder abrir algún agasallo mañá pola mañá.
Ilusión que tamén puidemos ver nas caras doutros adultos que, por vez primeira na súa vida, puideron ver en persoa ós Reis.












