Os cuñados do Chicle tamén desmontan a súa coartada

RIBEIRA> Este venres prestaron declaración nos Xulgados de Ribeira os cuñados de Chicle. Tal e como fixera a súa muller, desmontaron a coartada do principal acusado, afirmando que non estiveran con el a noite en que desapareceu Diana.

A declaración dos cuñados do Chicle deixa aínda máis só ó principal investigado pola morte de Diana Quer. A irmá de Rosario Rodríguez e o seu home negaron ter acompañado a José Enrique Abuín Gey na noite dos feitos, desmontando así a súa coartada tal e como xa fixera a esposa na declaración prestada onte. Pola súa banda, o avogado do Chicle visitou esta mañá ó seu cliente no cárcere de Teixeiro, onde vén de pasar a prisión comunicada. A defensa segue a apoiar a tese dun homicidio involuntario por atropelo, a pesar de que o informe preliminar da autopsia semella desbotar a existencia de lesións compatibles cun accidente deste tipo. Haberá que agardar ós resultados definitivos para coñecer as causas e o momento exacto da morte de Diana e determinar se houbo agresión sexual. No caso de confirmarse este último punto, o letrado xa adiantou que renunciaría a seguir coa representación do seu defendido.

Tanto no entorno familiar como entre os veciños do Chicle, a incredulidade inicial dou paso á indignación e á repulsa polo presunto asasinato da moza. Así o amosan as pintadas que apareceron estes días na fachada da súa vivenda. Mentres tanto, as mostras de dor pola morte da moza seguen a sucederse no lugar onde aparecía o seu corpo. Onte chegaban ás portas da nave dúas grandes coroas de flores enviadas pola familia. Xunto a elas, numerosos ramos e candeas depositadas polos veciños que non esquecen a Diana e buscan así manter viva a súa memoria.

Con respecto ó outro procedemento contra o Chicle polo intento de secuestro dunha moza en Boiro o pasado 25 de decembro, esta mañá tamén prestaron declaración en calidade de testemuñas os dous homes que auxiliaron á vítima.