SANXENXO> A Xunta construirá 25 vivendas públicas en Sanxenxo. O presidente e o alcalde asinaron este martes o convenio polo que o municipio pon a disposición do goberno galego unha parcela de máis de 2.600 metros cadrados en Noalla. Este mesmo mércores o proxecto sairá a licitación cun orzamento de 6,7 millóns de euros, coa previsión de que as vivendas poidan estar rematadas a comezos de 2028. No acto, o alcalde comprometeuse a poñer novos terreos a disposición da Xunta para converter Sanxenxo, dixo, nunha referencia da vivenda pública en Galicia.
Este é o momento no que o presidente da Xunta e o alcalde de Sanxenxo asinaban o convenio para a cesión dunha parcela por parte do concello para a construción de vivenda pública. Aquí, neste espazo de máis de 2.600 metros cadrados vanse erguer 25 vivendas.
Ese é o plan para este proxecto, que conta cun investimento por parte da Xunta de case 7 millóns de euros. Este mércores sairá a licitación o contrato de redacción do proxecto e as obras destes novos fogares. Se os prazos se cumpren, a comezos de 2028 estas vivendas poderían estar rematadas. Telmo Martín agarda ademais que este sexa o primeiro de varios acordos para o impulso da vivenda pública no municipio.
O presidente da Xunta comprometeuse a ir estudando as distintas opcións que o concello lle vaia presentando para seguir impulsando vivenda pública en Sanxenxo.
O alcalde fixo tamén un chamamento á veciñanza, en especial á mocidade, a iniciar os trámites para poder optar a unha destas vivendas. Entre os requisitos fundamentais, lembrou o rexedor, estar empadronado no municipio.











