CAMBADOS> A pegada do título de Cidade Europea do Viño 2017 en Cambados será máis que simbólica. A intención do concello é manter este ano algunhas das actividades que naceron ao abeiro deste nomeamento, e que rexistraron unha importante acollida.
Das 80 actividades incluídas no proxecto de Cambados como Cidade Europea do Viño 2017, algunhas serán máis que un recordo neste ano. A intención do concello é manter varias das que naceron ao abeiro deste nomeamento. É o caso do Enobús, unha das propostas estrela.
Resitirán o paso do tempo o cartel da Cidade Europea do Viño da rotonda de Vilariño, a cartelería da Autovía do Salnés e o servizo de wifi aberto, posto en marcha coa Mancomunidade do Salnés. Tamén outros eventos como a feira medieval ou o Canfest sobrevivirán.
Debido á gran acollida que recibiron entre os veciños, Cambados repetirá o brinde de conmemoración do nomeamento o 4 de novembro, e non se desbota converter o de despedida do ano na Torre de San Sadurniño nunha nova tradición en Cambados. Non en van, este 2017 deixa un importante legado na vila.
A piques de rematar o seu papel como Cidade Europea do Viño, Cambados xa ten clara a súa seguinte meta: conseguir que a Festa do Albariño sexa considerada de Interese Turístico Internacional.