O PP asegura que a vía para o PXOM non conta con informes xurídicos

VILAGARCÍA> O Partido Popular de Vilagarcía critica que a solución proposta polo goberno local para destascar o PXOM non conta cos informes xurídicos pertinentes. Segundo a formación, na xuntanza do venres o executivo negouse ademais a entregar á oposición os informes técnicos. Por iso volven acusar ao equipo de Alberto Varela de falta de transparencia.

O pasado venres, o goberno de Vilagarcía anunciaba que recorrería a un contrato menor para licitar a redacción do PXOM ata a aprobación inicial. A solución é a máis rápida, pero o Partido Popular desconfía da súa viabilidade. E é que, aseguran, non conta cos informes xurídicos pertinentes.

Segundo a voceira popular, o alcalde asegurou no encontro que mantivo coa oposición que este mecanismo conta co visto bo de palabra dos servizos xurídicos do concello. Algo que o principal partido da oposición ve insuficiente.

Suárez criticou tamén a falta de transparencia do executivo xa que, asegura, tamén se negou a propocionarlles os informes técnicos dos que si dispoñen. Por iso a intención dos populares é seguir insistindo ata conseguir esta información.

Sobre as críticas de Alberto Varela pola falta de xestión do PXOM do anterior goberno do Partido Popular encabezado por Tomás Fole, Elena Suárez asegurou que foi un momento moi marcado polo conflito laboral de Lantero, e o convenio urbanístico da empresa co concello para a urbanización dos terros de Rosalía de Castro aprobado no 2004.