O GROVE> As vacacións de Semana Santa están á volta da esquina e as previsións turísticas para O Salnés son boas. Aínda que tradicionalmente neste período a xente soe decidir destino moi tarde, este foron moitos os que fixeron con antelación a súa reserva. Coas previsións meteorolóxicas favorables, todo apunta a que nestes próximos días tamén serán moitas as reservas de última hora.
A Semana Santa xa está aquí e O Salnés prepárase para facerlle fronte a un dos grandes picos de turismo fóra da tempada de verán. Este ano as previsións son boas. No sector dinse xa satisfeitos, tendo en conta que desta volta son xa moitas as reservas que están tramitadas. Algo pouco habitual na Semana Santa, cando a maioría dos visitantes prefiren elixir destino a última hora, tendo tamén a vista posta no ceo.
O Grove, como é habitual, é un dos destinos clásicos. Aquí agardan tamén que nestes próximos días entren máis reservas, á vista de que as previsións meteorolóxicas para a Semana Santa son boas. Ademais diso, dende o concello poñen a vista no convulso contexto internacional, que favorece o turismo interior e destinos como Rías Baixas.
A Semana Santa arranca xa o vindeiro día 29, Domingo de Ramos, pero a meirande parte das reservas turísticas vanse concentrar, segundo explican dende o sector, entre o xoves 2 e o sábado 4 de abril.











