VILAGARCÍA> En Vilagarcía, o PSOE e o BNG acaban de iniciar conversas na procura dun pacto de gobernabilidade para os vindeiros tres anos e medio. As dúas formacións, que xa mantiveron un primeiro encontro, entenden que son máis os puntos que os unen que os que as separan. Con todo, ese posible acordo non implicaría a entrada dos nacionalistas no goberno.
PSOE e BNG demostraron entenderse en Vilagarcía para a investidura como alcalde de Alberto Varela e tamén noutros puntos ao longo destes primeiros seis meses de mandato. As dúas formacións abren agora un período de negociación para acadar un pacto de gobernabilidade para o que resta de mandato.
Ambas formacións xa mantiveron un primeiro encontro. Socialistas e nacionalistas coinciden en que son máis os puntos que as unen que os que as separan. Así as cousas, deixarán pasar as eleccións galegas para seguir negociando.
O posible acordo que está sobre a mesa daríalle estabilidade ao goberno local. Con todo, non implicaría a entrada do Bloque no executivo.
E engaden os nacionalistas que queren co seu apoio darlle un maior peso ás políticas sociais na cidade, así como contribuír a frea-la expansión do cemento, poñendo o foco na mellora do mantemento do público fronte a grandes e custosos proxectos.











