O GROVE> A Xunta destinará 40 millóns de euros para ampliación da Autovía do Salnés e tentar desconxestionar o tráfico entre Sanxenxo e o acceso ao Grove. O proxecto inclúe o desdobramento da actual vía rápida entre Sanxenxo e Noalla e a creación dun terceiro carril entre este punto e A Lanzada. Tamén a ampliación a catro carrís da PO-308 entre a vía rápida e a PO-550. A actuación, que comezará no 2027, inclúe tamén a creación dunha senda peonil e ciclista que percorra toda A Lanzada.
No pasado mes de agosto Sanxenxo e O Grove recibiron en conxunto uns 150.000 visitantes. Un aluvión de turistas que, como dende hai anos, provoca o colapso dos accesos ao Grove, na contorna da Lanzada. Hoxe, tras anos demandándoo, a Xunta dá o primeiro paso para tentar aliviar o tráfico na zona. O presidente galego anunciou que se vai ampliar a Autovía do Salnés.
De feito, o valor medioambiental da zona limita o desdobre da actual vía rápida. Vaise transformar en autovía dende o seu actual remate en Sanxenxo ata Noalla. A partir dese punto crearase un terceiro carril ata A Lanzada. Alí, ampliarase a catro carrís a PO-308 entre a Vía Rápida e a PO-550. Unha solución, di Rueda, moi estudada.
O proxecto tamén contempla o desprazamento dun paso peonil e a creación dunha senda peonil e ciclista que percorra toda A Lanzada. Ao mesmo tempo rexeneraranse 40 hectáreas da Rede Natura. Hoxe na presentación, tanto o alcalde de Sanxenxo como o do Grove celebraron o proxecto. O rexedor meco lembra que o desdobramento da vía rápida ata A Lanzada é unha vella demanda.
E di estar satisfeito coa proposta que ofrece a Xunta.
Tamén felicitacións do alcalde de Sanxenxo á conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
Porque, engadía Rueda, o proxecto, ante todo, beneficia á veciñanza da zona.
O proxecto ten un orzamento duns 40 millóns de euros. Segundo a planificación anunciada hoxe, antes de que remate este ano iniciarase a tramitación para declaralo Proxecto de Interese Autonómico. No primeiro semestre de 2026 comezará a dos dous primeiros proxectos viarios. As obras comezarán no 2027.











