Os ladróns roubaron ata os botes da gomina

O GROVE> Nunha barbería do Grove, os ladróns levaron ata os botes de gomina. O furto produciuse onte, nunha céntrica rúa da localidade. O dono do establecemento calcula que os ladróns levaron mercancía por valor duns 700 euros.

A Julián non lle quedou máis remedio que coller vacacións tralo paso dos ladróns pola súa barbería. Os amigos do alleou roubáronlle dende as tesoiras ata as súas provisións de gomina. No local apenas quedou nada, máis alá dos mobles.

Julián decatouse de que algo non ía ben no local nada máis chegar: a porta estaba forzada. Ademais da Garda Civil, que se encargou de precinta-lo local, a Policía Xudicial desprazouse ata o lugar coa intención de atopar pegadas para dar cos responsables do asalto.

Na zona, os veciños xa falan dunha auténtica vaga de roubos. E é que, segundo indica Julián, o seu establecemento, non é o único na vila onde os ladróns actuaron nas últimas semanas. A cara positiva deste roubo atopouna Julián no apoio dos veciños e mesmo nalgúns compañeiros de profesión da zona. Julián abriu o seu negocio hai menos dun ano, en abril de 2017. Nove meses despois, e sen ferramentas coas que poder traballar, tivo que pechar momentaneamente a súa barbería, sen saber aínda cando poderá volver á normalidade.