Detida unha parella de Ribadumia por cultivar marihuana enganchada ao alumeado público

RIBADUMIA> A Garda Civil desartella unha plantación de marihuana en Ribadumia. Durante a operación, os axentes incautáronse de case medio milleiro de plantas e dun equipo completo de ferramentas para o seu coidado. Os presuntos responsables da plantación engancháranse ao alumeado público para cubrir os custos de mantemento.

A Garda Civil desartella unha plantación interior de marihuana en Ribadumia. Os axentes atoparon no interior dunha casa deshabitada case medio milleiro de plantas, ademais dun completo equipo para o seu coidado. A vivenda estaba totalmente acondicionada para que medraran as plantas.

As pesquisas levaron á detención dunha parella como presuntos responsables da plantación, no marco da operación bautizada como Molar. Trátase dun home de 48 anos e dunha muller de 43, que viven ao lado do inmoble que acollía a plantación.

O matrimonio considérase responsable dun dobre delito: contra a saúde pública e por defraudación do fluxo eléctrico. E é que engancháranse ao alumeado público de xeito ilegal para atender a plantación. Deste xeito, evitaban que o elevado consumo e a excesiva potencia eléctrica foran detectados pola compañía subministradora. Estímase que a contía defraudada pode superar os 50 mil euros.

Os detidos foron postos en liberdade e terán que comparecer cando sexan requiridos ante o xulgado de instrución de garda de Cambados.