A oposición sanxenxina non consegue declarar a Martín ‘ilexítimo’ malia o Caso Navia

SANXENXO> En Sanxenxo, a oposición non consegue declarar ilexítimo a Telmo Martín para seguir á fronte da alcaldía. PP e SAL votaron en contra no pleno extraordinario celebrado esta mañá. A sesión foi solicitada polo BNG, o PSdeG e a edil Vanessa Rodríguez, trala sentenza que confirma os sobrecustos nas vivendas de protección oficial construídas no barrio vigués de Navia pola empresa Construcuatro, da que Telmo Martín posuía un terzo. O rexedor apuntou que xa deu tódalas explicacións que tiña que dar e asegurou que a súa conciencia está moi tranquila.

Os grupos da oposición solicitaron este pleno extraordinario para que a corporación se pronunciase sobre a idoneidade e lexitimidade de Telmo Martín para seguir ostentando o bastón de mando de Sanxenxo. A petición chegou trala sentenza contraria a Construcuatro, empresa da que o alcalde posuía un 33%, que confirma que houbo sobrecustos nunhas vivendas de protección oficial construídas no vigués barrio de Navia. A votación resultou favorable para o rexedor popular, despois de que SAL xa confirmase onte que o bipartito se ía amosar unido.

Dende o BNG entenden que unha vez que a xustiza se pronunciou, Telmo Martín debería asumir responsabilidades e dimitir. Os nacionalistas entenden que as funcións públicas e privadas do rexedor están difusas. A edil non adscrita Vanesa Rodríguez tirou de sentenzas para evidencia-los sobreprezos dos pisos de Navia, unha fraude –segundo a concelleira- da que 66 familias son vítimas.

Un dos momentos de maior tensión viviuse na intervención do PSdeG. A concelleira socialista asegurou que Martín fora citado a declarar no 2008 polos pisos de Navia, algo que –segundo o rexedor- é falso. Para Telmo Martín, a intención da oposición hoxe era te-lo seu día de gloria. Apuntou ademais, que a súa conciencia está tranquila, algo que suscitou a reacción do público.

Na bancada do público, ademais de veciños de Sanxenxo, varios afectados polos pisos de Navia. Aínda que a sesión se puido celebrar con normalidade, os apupos e berros dos presentes obrigaron a para-las intervencións do rexedor en varias ocasións.