O Chicle xa está no cárcere da Lama

BARBANZA> O Chicle pasará a súa primeira noite no cárcere da Lama. Este mediodía era trasladado dende Teixeiro ó penal pontevedrés para evitar problemas con outros presos.

O traslado de José Enrique Abuín dende Teixeiro á Lama facíase efectivo a primeira hora desta tarde. Alí permanecerá en réxime de prisión preventiva mentres continúe a investigación sobre a desaparición e morte de Diana Quer.

O informe da autopsia, que xa obra en mans do xuíz instrutor, podería botar luz sobre as circunstancias en que morreu a moza. Se foi por estrangulamento como sospeita a Garda Civil ou por un atropelo tal e como sostén o autor confeso. Máis difícil será determinar se houbo ou non agresión sexual, punto clave no que se basea a defensa posto que o avogado do Chicle deixará de representalo se se confirma a violación.

Ademais das conclusións do informe da autopsia, a Garda Civil buscará novas evidencias no lugar no que apareceu o corpo de Diana e presuntamente se cometeu o crime cun rexistro na nave de Asados previsto para finais desta semana.

A desaparición e morte de Diana Que non é a única fronte aberta para o Chicle posto que continúan as dilixencias polo intento de agresión e secuestro dunha moza en Boiro o pasado 25 de decembro. Paralelamente, a Garda Civil estuda solicitar a reapertura do caso pola presunta violación á súa cuñada que finalmente foi arquivada pola retirada da denuncia. Os axentes sospeitan que o ‘modus operandi’ neste caso pode estar relacionado coas outras causas pendentes.