O colexio de Noalla, en Sanxenxo, non abrirá ata o luns polos danos causados polo tornado

SANXENXO> Xornada de avaliación de danos no colexio de Noalla, en Sanxenxo, que onte se viu sorprendido por un tornado. Por seguridade, mañá tampouco haberá clase no centro, mentres os operarios continúan arranxando os danos causados por este fenómeno.

Tan só 20 minutos despois de que os nenos entraran no centro, a xornada invernal de vento e chuvia transformouse nun auténtico pesadelo. O tornado durou apenas uns segundos, tempo suficiente para desencadear unha escena nunca antes vivida no colexio de Noalla.

Mañá venres o centro vai permanecer coas súas clases suspendidas, mentres os operarios continúan arranxando os danos. Se de hoxe en tres días, as incidencias non quedaran resoltas, estase a valorar a posibilidade de que o luns o centro si abra as súas portas, delimitando as zonas de acceso ás instalacións, para garantir, así, a seguridade dos nenos.

Esta mañá, responsables da Xunta avaliaban a situación tralo paso do fenómeno meteorolóxico. Os danos son moitos, tanto no colexio como no pavillón polideportivo situado no recinto. Ademais, hai que suma-los danos provocados pola pasarela de madeira do paseo da Lanzada que, ó saír voando, acabou rompendo o valado do colexio.

O tornado cebouse especialmente co tellado do colexio, tanto que hoxe o patio era un auténtico campo de minas de anacos de tella.

Onde tamén traballaron arreo hoxe os operarios foi no paseo da Lanzada, despois que onte se levantase por terceira vez en menos dun ano. Polo de agora, as tarefas estanse a centrar na retirada do treito afectado para evitar posibles novos contratempos no futuro.