A Illa pide axuda á veciñanza para manter os tres días da Festa do Carme

A ILLA> A Illa de Arousa non está disposta a renunciar á súa Festa do Carme. Concello, confraría e comisión de festas fixeron este mediodía un chamamento á veciñanza: precisan de axuda económica para manter os tres días de celebración. O ano pasado o orzamento foi de 93.000 euros. Pero o incremento dos prezos rexistrado nos últimos anos fai que na actualidade a contía da que dispón a organización estea aínda moi lonxe desta cifra, poñendo en perigo a súa viabilidade.

As Festas do Carme da Illa de Arousa deste ano poderían ser moi diferentes ao que estamos afeitos. Concello, Confraría e comisión de festas alertan: non hai cartos suficientes para manter as tres xornadas de celebración.

O concello xa incrementou a súa achega, dos 18.000 euros do ano pasado, este ano subirá ata os 21.000. Xunto coa confraría e as agrupacións de bateeiros sufragan máis do 50% do orzamento das festas, que o ano pasado ascendeu ata os 93.000 euros.

Xa co tempo encima e despois de comprobar que as contas non dan, hoxe o concello e a confraría deron un paso adiante para arroupar á comisión de festas. Piden á veciñanza que fagan as súas achegas e recordan: toda contía é ben recibida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí