VILAGARCÍA> A saturación da Atención Primaria chega ao centro de saúde de Vilagarcía. Os usuarios denuncian agardas de ata trece días para unha primeira consulta co seu médico de cabeceira. Unha situación que xa se deu noutros ambulatorios da comarca, e que dende o concello atribúen aos recortes da Xunta en materia sanitaria.
As listas de agarda en Atención Primaria chegan tamén ao centro de saúde de Vilagarcía. Os doentes denuncian que nos últimos tempos teñen que esperar entre 10 e 14 días para unha cita co seu médico de cabeceira.
En San Roque xa se rexistraron varios escritos denunciando esta situación que deriva, segundo sinalan dende o concello, dos recortes en materia sanitaria da Xunta de Galicia. No centro de saúde vilagarcián hai a día de hoxe dous médicos de baixa que o Sergas non cubriu.
Por iso dende o goberno local insisten en que o equipamento sanitario e os recursos neste eido cos que conta Vilagarcía na actualidade son insuficientes para atender as demandas da poboación.
Problemas deste tipo xa se levan producindo nos últimos meses noutros centros de saúde da contorna, como é o caso dos de Cambados, Meaño ou, máis recentemente, O Grove.