CAMBADOS>O parque de maquinaria da Mancomunidade do Salnés non deixa de medrar. A última adquisición foi este tractor que permitirá levar a cabo tarefas de mantemento en núcleos rurais dos nove concellos e de limpeza das marxes de viais. Cun investimento de case 97.000 euros, máis de 39.000 foron aportados pola Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental.
A esta última adquisión súmanse outras do anterior exercicio, que permiten ao equipo da Mancomunidade chegar cada vez máis lonxe. Por unha banda esta máquina auxiliar para desprazarse por sendeiros e montes e pola outra dúas furgonetas.
Neste caso, o investimento total acadou os 60.000 euros, dos cales case 39.000 proceden tamén do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta.
Nesa mesma liña, o presidente da Mancomunidade destaca a capacidade de acción coordinada en beneficio dos nove concellos da comarca. David Castro destaca o apoio doutras administracións, como a Xunta.
A directora xeral de Administración Local destacou que a liña de Axudas do Fondo de Compensación Ambiental conta cada ano con máis de 11 millóns de euros. Partida que se suma a outras da súa área que, segundo apuntou, permitiu impulsar máis de 500 proxectos locais no 90% dos concellos galegos.











