Arrancan as obras da céntrica Praza de Galicia, en Vilagarcía

VILAGARCÍA> Hoxe arrancaron as obras de remodelación da praza de Galicia, en Vilagarcía. O proxecto suporá a humanización do espazo, suprimindo os vehículos. O proxecto trae tamén unha importante reordenación do tráfico na contorna. A remodelación da praza de Galicia suporá a peonalización do treito comprendido entre o cruce con Padre Feijóo ata o de Conde de Vallellano. O proxecto tamén inclúe recupera-la antiga imaxe da zona, por onde noutrora transcorría un regato. A remodelada praza contará cunhas acequias de auga e unha zona verde con sombra.

A reforma suporá a supresión dos vehículos da zona, agás os de carga e descarga,  emerxencias e taxis. Tamén implicará unha fonda reordenación do tráfico en toda a contorna. Eses cambios xa son efectivos dende hoxe, con itinerarios alternativos sinalizados nos principais accesos ó centro da cidade.

O tráfico procedente de Doutor Tourón e da praza de España desvíase agora cara a praza da Independencia e San Roque na intersección con Padre Feijóo. Ademais, dende a Policía Local recomendan ós condutores que veñan da N640, que accedan a través de Pablo Picasso e Valle Inclán. Para aqueles que veñan dende Carril, a alternativa proposta é a rúa Rivero de Aguilar.

A reforma deberá estar rematada antes de seis meses. Con todo, Ravella estima que os traballos se levarán a cabo dun xeito rápido e que a nova praza de Galicia podería ser unha realidade xa nesta primavera.