Ramiro Carregal recibe a Medalla de Ouro da Federación Galega de Vela

RIBEIRA> Ramiro Carregal recibiu a Medalla de Ouro da Real Federación Galega de Vela. Con este distintivo, entregado no transcurso dun acto no Club Náutico de Ribeira, a entidade pretende recoñecer o inestimable labor do empresario no fomento e difusión deste deporte.

A vela forma parte indispensable da traxectoria de Ramiro Carregal, non só no eido profesional senón tamén persoal. Amante deste deporte, pode presumir de moitos logros tanto en competicións como na organización de eventos para achegar a vela ó gran público.

Promoveu as primeira regatas acompañadas de catamarán para que os espectadores puideran seguir todo o percorrido e foi un dos fundadores do Náutico e da escola de Vela de Ribeira, canteira de grandes regatistas.

Este extenso currículo fíxoo merecedor da Medalla de Ouro da Real Federación Galega de vela que recibía este mediodía da mans do presidente da entidade. Os socios acordaron de xeito unánime outorgar este distintivo que tan só ostentaba ata o momento o Rei Emérito.

Arroupado por numerosos amigos e compañeiros do mundo da vela, Ramiro Carregal agradeceu as mostras de agarimo recibidas en recoñecemento ó seu labor de mecenazgo no eido deportivo e social.