‘Cousa de Raíces’ inicia a recollida de sinaturas da ILP contra a eucaliptización en Barbanza

BARBANZA> A plataforma prepara tamén un acto informativo para este próximo venres en Ribeira.

Os lumes deste pasado outono foron a gota que colmou o vaso. Varias asociacións e colectivos de distintos ámbitos, especialmente concienciados co coidado do medio ambiente, decidiron sumar esforzos de cara a protección e mellora dos hábitats de bosques autóctonos como mellor fórmula para a loita contra os incendios forestais. Iniciaron pois unha cruzada que os levou a impulsar por toda a comunidade unha Iniciativa Lexislativa Popular cuxa recollida de apoios está a ter un enorme éxito. A proposta chegou tamén ó Barbanza a través de entidades colaboradoras como son as asociación Verdegaia ou Sachos á Rúa.

Dende a plataforma ‘Cousa de raíces’ insisten na necesidade de levar a cabo un cambio total nas políticas de xestión dos montes, apostando polo fomento do arborado autóctono. Para afondar máis neste aspecto, desenvolverase tamén un acto informativo aberto a toda a cidadanía este próximo venres 26 de xaneiro ás oito da tarde nos locais do Fervedoiro en Ribeira.