VILAGARCÍA> A Axencia Tributaria reclama a dous irmáns de Vilagarcía máis de 150.000 euros pola herdanza dunha tía que aínda non recibiron. A muller finada tiña pendente o cobro de 416.000 euros procedentes dunhas participacións nunha empresa. Os dous irmáns, que aínda non percibiron nada dese negocio, denuncian que por culpa de Facenda poderían quedar na ruína.
No ano 2012, Mariana e o seu irmán recibiron a herdanza dunha tía. Ademais de cartos e varias propiedades, a finada deixoulles unha débeda que tiña pendente de cobro. A súa tía vendeu a Finsa no ano 2009 unhas participacións que tiña noutra empresa, Hermanos García Reboredo. O acordo estipulaba o pagamento inmediato de algo máis de 46.000 euros. O resto dos cartos sería abonados en cotas anuais. Cando a muller faleceu, no 2012, tiña aínda pendente de cobro 416.000 euros. E aquí está o miolo do calvario que están a vivi-los herdeiros.
Ela e o seu irmán cren que non se trata dun erro, senón dunha mala práctica por parte da Axencia Tributaria de Galicia. O fisco reclámalle a cada un deles 75.000 euros máis intereses por un cobro que aínda non percibiron e que, moi probablemente nunca perciban.
Coas contas do seu irmán xa embargadas e coas súas a piques de estalo, esta vilagarciá reclámalle a facenda que agarde á que se dite sentenza –algo que podería demorarse varios anos- antes de continuar cos embargos. Segundo indica, a Axencia Tributaria está aplicando o regulamento de transmisións patrimoniais, cando na realidade debería se trata dun tributo de sucesións. Agora, cre que é o momento de que se faga xustiza.
Mariana e o seu irmán, enviáronlle senllas cartas ó presidente da Xunta e á Valedora do Pobo pregándolles que atendan a súa situación límite. Polo de agora, non obtiveron resposta.