Rouban e causan desperfectos na igrexa do Castro

BOIRO> Medra o clima de inseguridade na comarca ante o aumento dos roubos en todo tipo de instalacións. Unha das últimas en recibir a visita dos ladróns foi a igrexa da parroquia do Castro, en Boiro.

Esta mañá, o párroco do Castro presentaba a denuncia polo roubo cometido no templo a madrugada do luns. Os ladróns entraron na igrexa pola porta principal, tras tentalo sen éxito por unha entrada lateral. Causaron importantes desperfectos en ámbalas dúas portas, máis cuantiosos que o botín que conseguiron levar, apenas uns euros que atoparon no cepillo.

Non é a primeira vez que os vándalos actúan nesta parroquia que xa sufriu varios intentos de roubo e desperfectos non só no templo senón tamén no cemiterio. O último episodio tiña lugar en Noiteboa cando accederon ó interior da igrexa do Carmen en Cabo de Cruz.

O párroco agarda que se proceda, alomenos, a identificar ós autores e que se tomen medidas para frear esta escalada de roubos que afecta a toda a comarca e que sementa a inseguridade entre os veciños.