RIBEIRA> Pasadas as cinco da tarde deste sábado saltaban tódalas alarmas. Dous bañistas foran arrastrados pola corrente e tiñan dificultades para saír da auga na praia do Vilar en Ribeira. A casualidade quixo que Ignacio Peña, un surfista cántabro que se atopaba xa no aparcadoiro preparado para marchar, escoitase os gritos desesperados de varias persoas pedindo auxilio. Non dubidou en enfundarse o seu neopreno e meterse no mar que presentaba unha condicións moi complicadas.
En poucos segundos conseguiu chegar ata as vítimas: un adulto e un mozo duns 16 anos: tras tranquilizalos conseguiu mantelos a flote.
Co home a bordo da táboa e o mozo asegurado ó flotador conseguiu remolcalos ata preto de beira. Atopábanse a uns metros da area pero aínda faltaba por superar a zona da rompente das ondas cando chegou o helicóptero que culminou o rescate.
Os dous homes foron trasladados ó hospital do Barbanza con síntomas de hipotermia., mentres Ignacio recibía as emocionadas mostras de agradecemento dos familiares que se atopaban na praia. E é que, aínda que non quere atribuírse méritos, a súa intervención foi clave para que a tarde non acabase en traxedia.
Afortunadamente, Ignacio tiña coñecementos de salvamento e tamén contaba con experiencia noutros rescates. Ademais da súa intervención e dos efectivos de Salvamento Marítimo, no operativo participaron tamén membros do GAEM, Policía Local e Nacional de Ribeira.