RIBEIRA> O BNG de Ribeira levará a pleno unha moción sobre a privatización do servizo de guindastre. Ante a intención do executivo de sacalo a licitación de xeito inminente, os nacionalistas apostan pola xestión pública.
Na actualidade o concello de Ribeira non conta cun servizo de guindastre a nivel municipal. É unha empresa da comarca do Salnés a encargada de prestalo de xeito puntual, coa consecuente demora de tempo e o incremento dos custos.
Tras ter resposta por parte do concello que pretende proceder á licitación do servizo de xeito inmediato, os nacionalistas levarán a pleno a súa proposta que pasaría por municipalizar o servizo a través de xestión directa ou dunha empresa pública.
Ó tempo que se abaratan os custos, os beneficios deste servizo poderían reverter na mellora da seguridade a través de reformas na rede de estradas ou campañas de educación viaria así como na creación de emprego estable.