O PP acusa á Deputación de prexudicar ós concellos populares

VILAGARCÍA> O Partido Popular cualifica de nefasta a xestión de Carmela Silva á fronte da Deputación de Pontevedra. Os deputados do Salnés desprazáronse ata Vilagarcía para facer balance desta primeira lexislatura do bipartito á fronte do goberno provincial. Unha etapa na que, aseguran, os investimentos caeron na comarca.

Os deputados do Partido Popular acusan á Deputación de Pontevedra de prexudicar de xeito deliberados aos concellos gobernados polos conservadores. Situación que, aseguran, afecta especialmente ao municipios da comarca do Salnés.

No balance que fixeron esta tarde dos dous anos e medio de xestión do bipartito, aseguran que os investimentos na comarca caeron de xeito importante. Mentres que Carmela Silva sitúa en 19 millóns de euros os cartos destinados ao Salnés nesta lexislatura, os populares apuntan a que só no 2015 investíronse 11 millóns de euros.

Por todo, acusan ao bipartito de facer unha xestión nefasta dos recursos provinciais. Como exemplo, empregaron o plan para levar adiante proxectos forestais, ao que só se acolleron cinco concellos.

A paralización de diferentes obras na comarca, a reducións das subvencións a asociacións como Esperanza Salnés ou a Ruta do Viño Rías Baixas ou o rexeitamento de varias propostas de concellos da comarca no marco do plan de proxectos singulares que Sanxenxo e Vilanova xa levaron ao xulgado, son outros dos exemplos nos que o Partido Popular apoia a súa crítica á xestión da Deputación de Pontevedra.